Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI420C).
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida, nos termos que determine a correspondente convocatoria.
c) Ter subscrito no período sinalado na correspondente convocatoria un contrato privado de compravenda visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:
a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos. En todo caso, as axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, sen que, para estes efectos, se inclúan os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.
2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que pode recibir cada un deles determinarase aplicando á contía da axuda que lle correspondería no suposto de ter adquirido o 100 % da vivenda, a súa porcentaxe de cota adquirida.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) e rematará o 30 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210723/AnuncioC3Q2-140721-0002_gl.pdf