INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO PUBLICITA A CONVOCATORIA DO PROGRAMA DE AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN ENERXÉTICA EN EDIFICIOS EXISTENTES EN MUNICIPIOS DE RETO DEMOGRÁFICO

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2021 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU (programa PREE 5000), para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406D).

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día 3 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2022, salvo que con anterioridade se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Actuacións subvencionables e prazo de execución

a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).

b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria (tipoloxía 2).

c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3). 

As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes construídas con anterioridade ao ano 2007, nas seguintes opcións:

– En vivendas unifamiliares ou edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda. Para estes efectos, considéranse edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda aqueles en que polo menos un 70 % da superficie construída sobre rasante do edificio estea destinada a uso residencial (opción A).

– En vivendas dun edificio de tipoloxía residencial colectiva de vivenda, consideradas individualmente (opción B).

Estas actuacións deberán acadar as dúas seguintes condicións:

– Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación actual do edificio.

– A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2 /m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.

O prazo máximo para a conclusión das actuacións obxecto da axuda será o que se fixe na resolución de concesión, sen que poida superar os 18 meses contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211104/AnuncioC3Q2-261021-0001_gl.pdf

https://www.boe.es/boe/dias/2021/08/04/pdfs/BOE-A-2021-13268.pdf