Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ORDE do 16 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809B).
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.
O gando danado polo que se solicita a axuda deberá cumprir cos seguintes requisitos:
a) Pertencer a unha persoa física ou xurídica titular dunha explotación gandeira inscrita na sección correspondente segundo o tipo de gando no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.
b) O gando bovino, ovino e cabrún deberá cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras de acordo coa normativa aplicable para o efecto.
No caso do gando porcino, deberá pertencer á raza Celta e cumprir cos requisitos sanitarios establecidos no Real decreto 599/2011, do 29 de abril, polo que se establecen as bases do Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino, e no Real decreto 360/2009, do 23 de marzo, polo que se establecen as bases do Programa coordinado de loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky.
c) Estar identificado de acordo coa normativa aplicable para o efecto e, no caso de gando porcino de raza Celta, deberán estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2020 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
É requisito imprescindible que se comunicase previamente o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2020.
b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210111/AnuncioG0532-161220-0005_gl.pdf