Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ORDE do 17 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809E)
Poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.
Os cultivos agrícolas afectados, polos que se solicita a axuda, deberán pertencer a unha persoa, física ou xurídica, inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Reaga e que veñen recollidas no artigo 5.2 do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final:
a) Explotacións agrarias prioritarias.
b) Explotacións agrarias de titularidade compartida.
c) Explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).
d) Outras explotacións agrarias.
No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa, física ou xurídica, solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2020 ata o 10 de outubro de 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2020 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
b) Para os danos comunicados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 6 da orde.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210111/AnuncioG0532-181220-0001_gl.pdf