CONVOCAN AXUDAS A PEMES, AUTÓNOMOS/AS, ASOCIACIÓNS E FUNDACIÓNS DE GALICIA PARA O FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS DESTINADAS Á PREPARACIÓN PARA A REUTLIZACIÓN E RECICLAXE DE RESIDUOS TEXTILES RECOLLIDOS SEPARADAMENTE

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas á preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975L).

Entidades beneficiarias

Con carácter xeral poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que for súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan de seguido para cada liña de axuda.

a) Liña 1: Proxectos de construción de novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles así como de ampliación das existentes para incluír liñas de preparación para reutilización de residuos téxtiles recollidos separadamente. Estas axudas teñen como fin mellorar a cantidade de residuos preparados para a súa reutilización procedentes de residuos téxtiles (roupa, calzado, accesorios de vestimenta, roupa da casa e similares) recollidos separadamente. Con este obxecto financiaranse tanto construción de novas instalacións dentro do territorio da Comunidade Autónoma como a ampliación das xa existentes para incluír preparación para a reutilización.

b) Liña 2: Proxectos de construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente. Estas axudas estarán destinadas á construción dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de instalacións que permitan un tratamento diferenciado dos residuos téxtiles (roupa, calzado, accesorios de vestimenta, roupa da casa e similares) recollidos separadamente, de maneira que este fluxo de residuos poida contribuír á consecución dos obxectivos comunitarios de reciclaxe.

No tocante á contía das axudas:

• Para a liña 1 será do 60 % do custo total subvencionable do proxecto, cun importe máximo de 80.000,00 €.

• Para a liña 2 será do 45 % do custo total subvencionable do proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211214/AnuncioG0532-021221-0001_gl.pdf