Consellería de Emprego e Igualdade
ORDE do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa AprolEconomía social) e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento TR802G e TR802J).
Establécense os seguintes programas de axudas:
a) Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).
b) Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J)
Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no correspondente programa de axudas:
a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.
b) As persoas desempregadas, socias ou traballadoras de cooperativas ou sociedades laborais ou doutras empresas que se transformen nestas, para as actuacións previstas no programa II.
Programa I. Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedementoTR802G)
Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.
Contía dos incentivos
1. Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.
Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde.
d) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans. g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural. h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
2.- Por cada mozo ou moza incorporado/a como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.
3. Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos no artigo 22.3, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %.
4. A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 €.
Programa II. Fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J)
Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas.
Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.
Persoas beneficiarias e condicións para a obtención da subvención
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:
a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia. A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do período de execución establecido no artigo 35 desta orde. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.
As subvencións previstas neste programa poderán ascender ás contías seguintes:
a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 28.1, alíneas a), b) c) e d), e no artigo 28.2, ata 6.000,00 €.
b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 28.1, alínea e), ata 3.000,00 €.
As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde.
d) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans. g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural. h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Non obstante, se o período de presentación resultase inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220121/AnuncioG0599-271221-0018_gl.pdf