INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS PROTEXIDAS

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

Este programa de axudas ten por finalidade facilitar o acceso á propiedade das vivendas de protección autonómica de réxime xeral e especial, así como dinamizar o sector da construción, propiciando a saída ao mercado de vivenda protexida, que poderá ser de nova construción ou procedente da rehabilitación.

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.

c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado de compravenda visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda protexida ao abeiro da Resolución do 5 de xullo de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, agás o relativo á data prevista no punto 1.c). 3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Tes toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220121/AnuncioC3Q2-130122-0002_gl.pdf

Se queres máis información chama aos teléfonos: 981 957 887 ou 981 957 887