CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA O PLAN GALICIA EMPREGA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN E A FORMACIÓN NA EMPRESA ORDINARIA

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento TR342C e TR342A).

A orde regula o Plan Galicia emprega de incentivos á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio a través de dous programas:

a) Programa I: incentivos á contratación por conta allea e á formación (código de procedemento TR342C).

Este programa ten, pola súa vez, dúas liñas: unha de incentivos á contratación por conta allea e outra de incentivos ás accións formativas no centro de traballo:

– Liña de incentivos á contratación por conta allea. Inclúe catro tipos de axudas compatibles entre si, sempre que a persoa traballadora pola que se solicitan os incentivos non sexa a mesma:

1. Incentivos á contratación indefinida inicial, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

2. Incentivos á contratación temporal, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación temporal de persoas desempregadas mozas, persoas desempre gadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

4. Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

– Liña de incentivos ás accións formativas no cento de traballo (opcional).

Está dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial e temporal por medio desta orde de convocatoria, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

b) Programa II: emprego con apoio (código de procedemento TR342A).

Consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas con discapacidade.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

Toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220128/AnuncioG0599-030122-0010_gl.pdf