CONSELLERIA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA AXUDAS PARA A PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA E A FORMACIÓN DE PERSOAS ASALARIADAS

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR349F).

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o ano 2022 coa finalidade de promover a consolidación do emprego autónomo mediante incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:

i. Primeira persoa traballadora indefinida. A axuda consistirá nunha contía de 4.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 6.500 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

• Persoas desempregadas de longa duración.

• Persoas con discapacidade.

• Persoas en situación ou risco de exclusión social.

ii. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida. A axuda consistirá nunha contía de 6.500 euros cando se trate dunha persoa desempregada. Esta axuda será de 9.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

• Persoas desempregadas de longa duración.

• Persoas con discapacidade.

• Persoas en situación ou risco de exclusión social.

Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos.

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo V desta orde.

Deste xeito as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:

– Para a primeira persoa traballadora indefinida 16.250 euros.

– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 22.500 euros.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante.

En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

3. No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos-descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade do contrato fixo-descontinuo)

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220128/AnuncioG0599-030122-0008_gl.pdf