XUNTA DE GALICIA ABRE PRAZO PARA A SOLICITUDE DA TARXETA BENVIDA PARA AS FAMILIAS CON FILLAS E FILLOS NADOS , ADOPTADOS/AS OU DECLARADOS/AS EN SITUACIÓN DE GARDA CON FINS ADOPTIVOS PARA O ANO 2021

Consellería de Política Social
ORDE do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas/os en situación de garda con fins adoptivos no ano 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2021 teñan un/unha fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2019 e 2020, experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2 e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.
b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2021.

Igualmente poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2019 e 2020 e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas. O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1
de xaneiro de 2021 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda cumpra tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes.

Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:
a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia.
Para estes efectos considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.
b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.
c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.
d) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2021 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

Para ter dereito á axuda prevista no artigo 4.4. a unidade familiar debe estar en situación de especial vulnerabilidade tecnicamente valorada polo sistema público de servizos sociais e ter un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210119/AnuncioG0425-281220-0002_gl.pdf