CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA AXUDAS PARA O FOMENTO E CONSILIDACIÓN DO EMPREGO A TRAVÉS DO PROGRAMA I PARA AS EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN (TR807I)

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 27 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I), e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (código de procedemento TR340E), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 do Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación.

A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre as mulleres, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Tipos de axuda

O programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas neste programa comezará o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria e finalizará o 31 de xullo de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220221/AnuncioG0599-040222-0002_gl.pdf