CONSELLERIA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA AXUDAS DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS DE INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (PROGRAMA II)

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 27 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (código de procedemento TR340E), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Obxecto e finalidade

Coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2022 dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

As axudas destínanse a sufragar as accións, gastos e pagamentos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan neste programa para cada modalidade.

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220221/AnuncioG0599-040222-0002_gl.pdf