CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS TAXIS ADAPTADOS A PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA

 

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade
ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2021, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

Actuacións subvencionables
1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de novos vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida, que reúnan as seguintes condicións:
a) Deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.
Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.
b) Os vehículos deberán ser adquiridos, dentro dos prazos fixados na orde.
c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man, nin os adquiridos a través dun contrato de renting.
2. Tamén serán subvencionables con cargo a esta orde os novos vehículos taxi de tipo cero emisións e eco, que reúnan as seguintes condicións:
a) Deberán estar clasificados oficialmente nestas categorías pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado por Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.
b) Os vehículos deberán ser adquiridos, dentro dos prazos fixados na orde.
c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man, nin os adquiridos a través dun contrato de renting.

A contía total máxima das subvencións concedidas será de 350.000 euros
A contía total máxima asígnase inicialmente segundo o seguinte reparto, para as tres liñas obxecto de axuda:
– Liña para taxi adaptado (Eurotaxi): 150.000 euros.
– Liña para taxi de cero emisións: 120.000 euros.
– Liña para taxi eco: 80.000 euros.

Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos Servizos de Mobilidade competentes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2021.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210203/AnuncioG0533-150121-0001_gl.pdf