Axencia Turismo de Galicia
RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2021, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento TU503A).
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro
b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2021 e en ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores a dita data.
En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística.
3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.
3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
4. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.
5. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase ao solicitante para que reaxuste o proxecto a executar ao citado límite.
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210204/AnuncioG0256-270121-0001_gl.pdf