Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207L).
Poderán optar a estas subvencións todas as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, debendo acreditar que están dadas de alta nalgún das epígrafes do imposto sobre actividades económicas relacionados nas bases reguladoras, cunha antigüidade, cando menos, 5 anos consecutivos.
As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas ao 100 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.
Poderán ser obxecto desta subvención as seguintes modalidades de proxectos:
• Modalidade A: proxectos musicais unitarios. Enténdese por proxectos musicais unitarios os proxectos que se desenvolven arredor dun só artista que desenvolva a súa actividade habitualmente en Galicia, sexa solista, grupo ou banda.
• Modalidade B: proxectos musicais colectivos. Enténdese por proxectos musicais colectivos, os proxectos que se desenvolven arredor de, cando menos, 4 artistas que desenvolvan a súa actividade habitualmente en Galicia, sexan solistas, grupos ou bandas.
As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva que non poderá exceder cinco meses contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220506/AnuncioG1097-220422-0003_gl.pdf