SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE CONVOCA AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI437A).

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2022, das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Accións subvencionables e contía da axuda 1.

Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

a) Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos os dous incluídos.

b) A contía máxima da axuda que se pode conceder na liña 1 ao abeiro desta convocatoria é de 4.000 euros. 2. Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022, ambos os dous incluídos, e que respondan a algunha das seguintes tipoloxías: a) Actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: actividades de divulgación, sensibilización e visibilización do papel das mulleres (estudos, campañas, obras de teatro, exposicións e outras actividades análogas) dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero.

b) Actuacións para o apoderamento e participación activa: actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o apoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural, en postos de responsabilidade públicos e privados, e no movemento asociativo, tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.

c) Actuacións dirixidas a facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres: de carácter formativo (cursos ou obradoiros para a adquisición de coñecementos, por exemplo, alfabetización dixital ou do uso de novas tecnoloxías da información e comunicación), tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.

d) Actuacións específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento das vítimas: actividades e actuacións de difusión, campañas de sensibilización e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero, estudos sobre a incidencia da violencia contra as mulleres, en especial nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade.

GASTOS SUBVENCIONABLES:

a) Gastos de alugamento do local destinado a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación (retribucións salariais, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria).

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados do mantemento do local da sede social: luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

g) Gastos de seguros de responsabilidade civil e de seguros multirrisco.

h) Gastos de instalación e mantemento de liñas de acceso á internet, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:

a) Na liña 1: 4.000 euros.

b) Na liña 2: 6.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220509/AnuncioG0599-250422-0002_gl.pdf