Consellería de Política Social
ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento BS306B).
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.
c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.
d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.
e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade das persoas mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).
g) Fomento da participación e do apoderamento das mulleres novas galegas.
h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.
i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural. j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de persoas mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.
Proxectos subvencionables
1. O orzamento total do proxecto que presenten as persoas solicitantes mencionadas no artigo 4 non poderá ser superior a 5.000 euros.
2. O proxecto deberá levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. No caso daqueles proxectos que, para o seu desenvolvemento, indiquen que precisan formación, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, para o que se xuntará o seu currículo e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. A variación nas persoas que vaian impartir a formación, de ser o caso, comunicarase con anterioridade ao inicio desta á Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para o que se debe enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.
4. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.
5. As actividades que constitúen o obxecto do proxecto deberá realizalas de forma directa a entidade ou grupo beneficiario e non poderán ser subcontratadas.
O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2022. Coa presentación da solicitude achegarase o proxecto de iniciativas xuvenís seguindo o modelo publicado na convocatoria. Todas as entidades e grupos aos cales se lles conceda a axuda e o soliciten recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.
A publicación no Diario Oficial de Galicia dos actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento producirá os efectos de notificación.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220512/AnuncioG0425-020522-0001_gl.pdf