XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA COMERCIALIZACIÓN DA ARTESANÍA GALEGA

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 26 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN201G).

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas e que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día de prazo establecido para a presentación da solicitude de subvención.

2. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 90 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos na sección segunda (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

3. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/or en feiras ou eventos de interese artesanal, nacionais ou internacionais:

a) Feiras profesionais de artesanía.

b) Feiras non profesionais.

c) Feiras profesionais e non profesionais do período do Nadal 2021/22.

• A axuda consistirá en tíckets de impulso á comercialización se non dispoñen da documentación acreditativa da actividade realizada, que terán as seguintes modalidades:

a) Tícket de feira profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 500,00 €, 1.000,00 €, 1.500,00 €, 2.000,00 € e 3.000,00 € (IVE excluído), cun máximo de 6 tíckets por obradoiro. Os tíckets concederanse unicamente para a participación en feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior ás anteditas cantidades. A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído).

b) Tícket de feira non profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 400,00 € e 750,00 € euros (IVE excluído), cun máximo de 6 tíckets por obradoiro. Os tíckets concederanse unicamente para a asistencia a feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior ás anteditas cantidades. Quedan excluídas de solicitar por tícket as feiras do período de Nadal 2021/22. A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído).

c) Feiras de Nadal 2021/22. Dado que a asistencia a feiras do período de Nadal 2021/22 para as que se solicite subvención xa se realizou no momento da presentación da solicitude, deberá achegarse a documentación sinalada no artigo 5, alínea 1.1, xunto a esta solicitude. Quedan excluídas as feiras de Nadal 2022/23.

O importe máximo de axuda para estas feiras de Nadal será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) cun máximo de 1.500,00 € por feira e cun límite de 3 feiras para este período.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220513/AnuncioG0596-020522-0010_gl.pdf