Consellería de Política Social
ORDE do 9 de maio de 2022 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2022 e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS303A, BS303F, BS303G e BS303H).
Para facilitar que a mocidade galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Política Social oferta a programación de actividades para o ano 2022, que se detalla no anexo I (códigos de procedemento BS303A, BS303F, BS303G e BS303H).
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
A información sobre a convocatoria desta campaña atoparase detallada na páxina web http://xuventude.xunta.es/
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais que por razón da súa discapacidade precisen apoio, disporase de persoal que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) O transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela, no caso de intercambios noutras comunidades autónomas.
Poderán solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade.
En canto ás idades mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2022, as persoas nacidas no ano 2013 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2004 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade no número 5
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220516/AnuncioG0425-090522-0001_gl.pdf