XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DAS ACCIÓNS FORMATIVAS CON COMPROMISO DE CONTRATACIÓN EN UNIDADES FORMATIVAS DE EMPRESAS

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2022-2023 (código de procedemento TR301P).

Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases reguladoras as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Establécese unha dobre tipoloxía de accións formativas subvencionables en función das seguintes características:

Liña formativa I, de carácter xeral: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas.

Liña formativa II, de infrarrepresentación feminina: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, dirixidas a mulleres traballadoras desempregadas, correspondentes a aquelas ocupacións laborais e profesionais en que exista infrarrepresentación feminina. 2. As empresas poderán solicitar impartir accións formativas de ambas as liñas, pero deberán presentar solicitudes diferenciadas para cada unha das liñas descritas en que incluirán todas as accións formativas desa liña para a que solicita subvención.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día da entrada en vigor da orde.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220518/AnuncioG0599-060522-0003_gl.pdf