Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G).
No Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021, publicouse o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro) coa finalidade de financiar obras ou actuacións en que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas, e nas vivendas unifamiliares, para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).
Actuacións subvencionables
De conformidade co establecido no artigo 33 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, son actuacións subvencionables as de mellora ou rehabilitación que se realicen en vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas. Neste último caso exixirase que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.
As ditas actuacións deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Conseguir unha redución de, polo menos, un 30 % no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable, referida á certificación enerxética, e, ademais, unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración da vivenda unifamiliar ou do edificio de, polo menos, un 35 % se están situados en zonas climáticas D e E ou dun 25 % se están situados en zona climática C.
b) Cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran
As actuacións para as que se solicite financiamento deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Dispoñer de proxecto das actuacións que se van realizar. Para o caso de que as actuacións non exixan proxecto, será necesario xustificar nunha memoria subscrita por técnico/a competente a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación e demais normativa de aplicación. En ambos os casos, deberá incluírse o libro do edificio existente para a rehabilitación ou, na súa falta, un estudo sobre o potencial de mellora do edificio en relación cos requisitos básicos definidos na Lei da ordenación da edificación e un Plan de actuacións no que se identifique a actuación proposta. O proxecto incluirá un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, consonte o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións: 1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE. 2º. Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as melloras técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.
b) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe. c) Retirar do edificio ou ámbito de actuación aqueles produtos de construción que conteñan amianto. A retirada deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, por unha empresa legalmente autorizada. A xestión dos residuos orixinados no proceso deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.
Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.
As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020, nin estar finalizadas no momento da presentación da solicitude.
O prazo para executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nos edificios que se acollan ás axudas deste programa non poderá exceder os vinte e seis meses, contados desde a data de concesión da axuda. O dito prazo poderase ampliar, excepcionalmente, ata vinte e oito meses cando se trate de edificios ou actuacións que afecten 40 ou máis vivendas.
Persoas e entidades beneficiarias
Ao abeiro do artigo 31 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, así como das súas vivendas, ben sexan persoas físicas ou ben persoas xurídica de natureza privada.
b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal.
c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal, así como as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actuacións que motiva a concesión da subvención.
d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, e por cooperativas en réxime de cesión de uso das súas vivendas.
e) As empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas que acrediten a dita condición, mediante contrato vixente, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.
Axente ou xestor da rehabilitación
De conformidade co disposto no artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, entenderase por axente ou xestor da rehabilitación a persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar as actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións de rehabilitación que poidan ser obxecto do financiamento a través do programa recollido nesta resolución.
A actuación dos axentes ou xestores da rehabilitación exixirá que acheguen un documento que acredite o acordo coa propiedade, comunidade de persoas propietarias ou agrupación de comunidade de persoas propietarias, que os faculte e autorice a actuar como tales.
A participación do axente ou xestor da rehabilitación non exime a persoa ou entidade beneficiaria de cumprir todas as obrigas que lle incumben, sen prexuízo da responsabilidade que, ademais, poida exixirse ao dito axente ou xestor.
O CONCELLO DA ESTRADA DESPOIS DE REALIZAR UN ANUNCIO DIRIXIDO AOS DIFERENTES DESPACHOS DE ARQUITECTURA E APARELLORES/AS DA ESTRADA, ELABORAMOS UNHA LISTAXE COAS DIFERENTES EMPRESAS SUSCEPTIBLES DE REALIZAR TODOS OS TRÁMITES TÉCNICOS PARA A XESTIÓN DESTAS AXUDAS:
LISTAXE PERSOAL TÉCNICO PARA ELABORACIÓN DE DOCUMENTACIÓN REHABILITACIÓN VIVENDAS
Podes consultalo na seguinte ligazón:
*Nota importante: o Concello da Estrada facilita esta listaxe con efectos meramente informativos, non tendo ningún tipo de vinculación coas empresas que se inscribiron para ofertar este servizo.
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 30 de novembro de 2022, agás que, con anterioridade, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220516/AnuncioC3Q2-060522-0003_gl.pdf
Máis información no teléfono: 881 045 897