Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2022 pola que se convoca o Programa de axudas á elaboración do libro do edificio existente para a rehabilitación e a redacción de proxectos de rehabilitación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406G)
Constitúen actuacións subvencionables as seguintes:
a) A emisión do libro do edificio existente para a rehabilitación (liña A).
b) A redacción de proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios (liña B)
As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020.
Os edificios obxecto das actuacións subvencionables a través deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar rematados antes do ano 2000.
b) Que polo menos o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.
Os dous requisitos antes citados poderanse acreditar mediante escritura, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais.
A contía máxima da subvención para o libro do edificio existente para a rehabilitación será a obtida da seguinte forma:
a) No caso de vivendas unifamiliares e edificios plurifamiliares de ata 20 vivendas: 700 euros, máis unha cantidade de 60 euros por vivenda.
b) No caso de edificios plurifamiliares de máis de 20 vivendas: 1.100 euros, máis unha cantidade de 40 euros por vivenda, cunha contía máxima de subvención de 3.500 euros.
Se non se dispón do informe de avaliación do edificio ou documento análogo, a axuda poderá incrementarse ata nun 50 %.
No suposto de proxectos técnicos de rehabilitación integral de edificios a contía máxima da subvención será a obtida da seguinte forma:
a) No caso de vivendas unifamiliares e edificios plurifamiliares de ata 20 vivendas: 4.000 euros, máis unha cantidade de 700 euros por vivenda.
b) No caso de edificios plurifamiliares de máis de 20 vivendas: 12.000 euros, máis unha cantidade de 300 euros por vivenda, cunha contía máxima de subvención de 30.000 euros.
O custo destas actuacións correspóndese co campo de intervención 025bis «Renovación da eficiencia enerxética dos inmobles existentes, proxectos de demostración e medidas de apoio» do anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de febreiro de 2021.
A contía da axuda non poderá superar en ningún caso o custo total, excluídos os impostos. Non obstante, o imposto sobre o valor engadido poderá ser considerado elixible, sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.
Ao abeiro do artigo 51 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila e de edificios existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, ben sexan persoas físicas ou ben teñan personalidade xurídica de natureza privada.
b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.
d) As sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades de propietarios constituídos conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
Axente ou xestor da rehabilitación
1. As persoas ou entidades beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas.
2. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.
3. A participación do axente ou xestor da rehabilitación non exime a persoa beneficiaria de cumprir as obrigas que lle incumben, sen prexuízo da responsabilidade que, ademais, poida exixirse ao dito axente ou xestor.
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 30 de novembro de 2022, agás que, con anterioridade, se tivese esgotado o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220516/AnuncioC3Q2-060522-0001_gl.pdf
O CONCELLO DA ESTRADA DESPOIS DE REALIZAR UN ANUNCIO DIRIXIDO AOS DIFERENTES DESPACHOS DE ARQUITECTURA E APARELLORES/AS DA ESTRADA, ELABORAMOS UNHA LISTAXE COAS DIFERENTES EMPRESAS SUSCEPTIBLES DE REALIZAR TODOS OS TRÁMITES TÉCNICOS PARA A XESTIÓN DESTAS AXUDAS:
Podes consultalo na seguinte ligazón: LISTAXE PERSOAL TÉCNICO PARA ELABORACIÓN DE DOCUMENTACIÓN REHABILITACIÓN VIVENDAS
*Nota importante: o Concello da Estrada facilita esta listaxe con efectos meramente informativos, non tendo ningún tipo de vinculación coas empresas que se inscribiron para ofertar este servizo.
Máis información no teléfono: 881 045 897