CONSELLERIA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA A PARTICIPACIÓN DE PERSOAS ESCRITORAS, ILUSTRADORAS E TRADUTORAS NAS ACTIVIDADES QUE SE CELEBREN NO SECTOR DO LIBRO

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 9 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT221A).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que establecen o procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2022. Código do procedemento CT221A.

Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia ás seguintes actividades realizadas no sector do libro: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.

Fináncianse os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomos ou non, escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:

a) Terse inscrito, asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.

b) Que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, para a cal se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.

O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte e terán o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:

– España, agás a Comunidade Autónoma galega: 400 €.

– Resto da Unión Europea: 700 €.

– Fóra da Unión Europea: 1.500 €.

Son subvencionables os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionable, resulten estritamente necesarios, se realicen no prazo establecido na presente orde e estean facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 12 de decembro de 2022 (incluído), sempre que exista crédito suficiente para o seu financiamento.

Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a unha única actividade das celebradas no sector do libro establecidas no artigo 1 desta orde. Para o establecemento da contía que se pode percibir en concepto de gasto de viaxe valorarase, exclusivamente, a xustificación documental dos gastos de aloxamento e transporte.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220630/AnuncioG0655-160622-0001_gl.pdf