XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA O SECTOR EDITORIAL GALEGO, RELATIVAS A GASTOS DE EDICIÓN, DISTRIBUCIÓN E COMERCIALIZACIÓN DAS PUBLICACIÓNS EDITORIAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 16 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT238A)

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 1 da presente orde.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Libros obxecto de subvención e contía das axudas

1. A dotación total da subvención distribuirase entre os libros que cumpran os requisitos que establece esta orde. 2. Os libros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:

a) Estaren editados en Galicia e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras plataformas de distribución, física ou dixital.

b) A edición, a distribución e a comercialización das obras deberase realizar entre o 1.9.2021 e o 30.9.2022, ambos incluídos.

c) Teren unha tiraxe mínima de 500 exemplares, agás as obras de poesía, teatro e ensaio, que poderán ter un mínimo de 250 exemplares por tiraxe.

d) Teren un plan de distribución e comercialización en España e/ou fóra de España.

e) Seren unha primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha obra cuxa última edición, na lingua que se propón publicar, teña unha antigüidade de máis de 15 anos.

f) Posuíren un mínimo de 60 páxinas por exemplar, excepto os libros infantís, de teatro e de poesía.

g) Calquera outro tipo de publicación en que concorran as características establecidas na convocatoria de subvencións regulada por estas bases. Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.) só poderá presentarse nunha delas. 3. O importe máximo adxudicado a cada editorial non pode superar os 30.000,00 €.

O importe final adxudicado a cada entidade determinarase en función do investimento presentado e de acordo coas seguintes porcentaxes:

– Ata 6.500,00 € de investimento por obra: En galego: ata un máximo do 80 %. Noutra lingua: ata un máximo do 60 %.

– De 6.501,00 € en diante de investimento por obra: En galego: ata un máximo do 90 %. Noutra lingua: ata un máximo do 70 %. 5. Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 20 libros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220701/AnuncioG0655-170622-0001_gl.pdf