Consellería de Política Social e Xuventude
ORDE do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento BS412A).
Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo.
– Do 11 ao 18 de abril.
– Do 23 de xuño ao 14 de setembro.
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Coidado os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se atopen nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena sexa menor de trece anos no momento no que se produce o suposto para o que se solicita a axuda.
b) Que os ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida, estean efectivamente traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
Accións e gastos subvencionables
1. Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar atoparse nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual. 2
º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade sempre que impidan a atención do neno ou nena.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos pais/nais, persoas titoras acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da atención do neno ou nena.
Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, nos supostos previstos no número anterior e realizadas dentro do período indicado no artigo 1.1:
1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. Consideraranse tamén as ampliacións horarias de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade no que se refire á dita ampliación.
2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior.
A contía máxima da axuda será:
a) De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena, no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220708/AnuncioG0657-280622-0002_gl.pdf