DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHA A I CONVOCATORIA DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS DEPOCREA

O obxecto desta convocatoria é aprobar as bases que regulan a I Convocatoria de selección de artistas que se beneficiarán de seis axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a creación artística contemporánea en vivo nun programa de residencias artísticas que se levarán a cabo no Náutico de San Vicente entre o 28 de outubro e o 11 de novembro de 2022.

Finalidade

A finalidade desta convocatoria é conceder seis axudas, destinadas a promover a creación artística contemporánea en vivo nun programa de residencias artísticas promovido pola institución provincial, que se levará a cabo no Náutico de San Vicente.

Ámbito subxectivo

Poderán participar nesta convocatoria as persoas físicas artistas profesionais, dadas de alta no réxime de autónomos correspondente, das modalidades de pintura, escultura, fotografía, ilustración, instalación, arte sonora, audiovisual, moda ou deseño que teñan 18 anos na data de presentación da solicitude.

Características dos proxectos

As persoas solicitantes deberán presentar un proxecto de creación específico, orixinal e inédito que se desenvolverá no Náutico de San Vicente, situado no concello do Grove, o cal se utilizará como estudio artístico aberto á visita do público entre o 28 de outubro e o 11 de novembro de 2022.

O proxecto a desenvolver deberá encadrarse nalgunha das seguintes modalidades artísticas: pintura, escultura, fotografía, ilustración, instalación, arte sonora, audiovisual, moda ou deseño.

Só se aceptará un proxecto por artista e deberá executarse dentro do prazo previsto, entre o 28 de outubro e o 11 de novembro de 2022, cuxo resultado se amosará nun acto público o día 12 de novembro como peche do proxecto. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nesta convocatoria de residencias artísticas empezará a partir do día seguinte ao da publicación desta disposición no BOPPO e na BDNS, e rematará o 23 de setembro de 2022.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2022/09/02/2022056795