AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA ÚNICO-BONO SOCIAL PARA A EMISIÓN DE BONOS DIXITAIS DIRIXIDA A COLECTIVOS VULNERABLES (FONDOS EUROPEOS)

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15. I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400A e AP400B)

Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social.

O prazo inicial para que as entidades interesadas presenten as solicitudes de inscrición como entidades colaboradoras é dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.6.b) das bases reguladoras recollidas no anexo I. O prazo rematará o mesmo día en que se producise a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que se inicie o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ata ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas e rematará o 16 de decembro de 2022.

O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.

O bono dixital permitiralle ao solicitante a contratación do servizo indicado no punto anterior, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, chegando a acadar como máximo os 240 euros.

 O recoñecemento do dereito a recibir o bono dixital a unha unidade familiar e a contía do dito bono é independente do número de membros integrantes dela. 

O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá como mínimo as seguintes características:

a) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede.

b) O servizo de acceso á banda larga realizarase a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica.

c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo nin limitación ao volume mensual dos datos descargados

Procedemento de inscrición de entidades colaboradoras (código de procedemento AP400B)

1. Alcance das actuacións que desenvolverán as entidades colaboradoras. As entidades colaboradoras terán como labor:

a) A promoción da contratación.

b) A instalación do servizo da internet contratado polo beneficiario do bono dixital.

c) Achegar a documentación precisa para a verificación e control da adecuada execución dos bonos xestionados, descrita nas presentes bases reguladoras.

2. Requisitos das entidades colaboradoras:

Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operador debidamente habilitado, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións, e ofertar servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 5 das presentes bases, acreditando os seguintes requisitos:

1º. Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no Rexistro de operadores da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

2º. Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga de, cando menos, 30 Mbps ao público en xeral.

ENTIDADES COLABORADORAS COAS QUE TE PODES ACOLLER AO BONO: https://amtega.xunta.gal/rexistro-operadores-bono-social

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220817/AnuncioG0177-290722-0001_gl.pdf