AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS SELECCIONA PERSOAS PARTICIPANTES NO PROGRAMA DE ACELERADORA CULTURAL DE PROXECTOS MUSICAIS (FONDOS NEXTGENERATION)

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2022 pola que se convoca, para o ano 2022, o procedemento para a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas participantes no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241 (código de procedemento CT402H).

Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos e as microempresas, así como as persoas físicas, maiores de idade, co compromiso de constituírense en empresas ou autónomos no momento de adquiriren a condición de beneficiario, sempre que, de ser o caso, cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de empresa de nova creación ou que, non sendo de nova creación, non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil. Esta actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.

b) Que conte cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

c) Estar dentro da definición de microempresa segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión Europea.

d) Estar dada de alta nas epígrafes do IAE 032 (intérpretes de instrumentos musicais) ou 033 (actividades relacionadas coa música, cantantes) ou comprometerse a darse de alta nestas epígrafes ao constituírse como empresa.

e) Que estea ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221128/AnuncioG1097-041122-0002_gl.pdf