XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS EXTRAORDINARIAS E DE REFORZO COVID AS PERSOAS GALEGAS EMIGRANTES RETORNADAS

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR905A)

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de dúas liñas de axudas non periódicas, dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas á Comunidade Autónoma de Galicia que carezan dos recursos suficientes:
Liña 1 «Axudas extraordinarias»: teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno.
Liña 2 «Axudas reforzo COVID-19»: teñen por finalidade apoiar a unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual de pandemia.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:
a) As persoas galegas e nacicidas en Galicia.
b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nadas en Galicia.
c) Os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Quedan excluídas da liña de axudas extraordinarias desta convocatoria tanto as persoas que solicitasen a axuda e resultasen beneficiarias dela nas dúas convocatorias anteriores como o resto das persoas que formasen parte da súa unidade familiar cando solicitou a axuda, en virtude das seguintes resolucións:
– Resolución do 27 de decembro de 2018 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro de 2019).
– Resolución do 24 de febreiro de 2020 (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2020).
As persoas referenciadas no punto anterior poderán solicitar e ser beneficiarias da liña de axudas reforzo COVID-19 desta convocatoria.

Requisitos comúns para as dúas liñas de axudas que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes:
a) Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.
b) Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.
d) Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.

Requisitos específicos que deberán cumprirse en función da liña de axuda que lle corresponda:
a) Liña 1 Axudas extraordinarias:
– Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e non fose beneficiaria desta axuda extraordinaria en convocatorias anteriores.
b) Liña 2 Axudas reforzo COVID-19:
Poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nalgunha destas dúas situacións:
b.1) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2018 e
o 31 de decembro de 2018, ambos os dous incluídos.
b.2) Que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e que non poida acceder á axuda extraordinaria porque a persoa solicitante ou algún membro da súa unidade familiar xa fose beneficiaria da axuda extraordinaria nas convocatorias dos anos 2019 ou 2020.

Contía e compatibilidade de axudas
1. Liña 1 Axudas extraordinarias:
1.1. As axudas extraordinarias de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno da unidade familiar previstas nesta resolución aboaranse por unha soa vez e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteña segundo os criterios recollidos no artigo 5. Fíxase para os efectos un valor de 300 euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.
1.2. Coa finalidade de reforzar o apoio ás persoas beneficiarias con cargas familiares, establécense tamén unhas axudas específicas de pagamento único, sempre que a persoa beneficiaria tivese algún fillo/a menor de 18 anos convivindo no seu domicilio. En calquera caso, esta axuda só a poderá percibir un dos proxenitores para o cal se terá en conta a solicitude presentada en primeiro lugar.
a) As contías destas axudas outorgaranse por cada fillo menor e terán os seguintes importes:
– 1.000 euros polo primeiro e segundo fillo/a menor de 18 anos.
– 1.500 euros a partir do terceiro fillo/a menor de 18 anos.
b) No caso de que no momento de solicitar a axuda, a unidade familiar conste empadroada e residindo nun concello rural, as anteriores contías establecidas por cada fillo/a menor incrementaranse nun 25 %.
1.3. No caso de que a persoa beneficiaria fose menor de idade aplicarase tamén o previsto no punto anterior deste artigo, incrementando neste caso a contía da axuda en 1.000 euros e un 25 % máis no caso de residir nun concello rural.
1.4. As axudas específicas de pagamento único establecidas para os supostos recollidos nos puntos 1.2 e 1.3 deste artigo poderanse conceder no caso de que a persoa solicitante non poida ser beneficiaria das axudas xenéricas por non cumprir os requisitos establecidos no artigo 4.1.d) ou e) desta resolución, sempre que a renda per cápita anual dos membros da unidade familiar do ano anterior ao da convocatoria non supere os 13.500 euros.
1.5. A contía límite da axuda extraordinaria concedida será ata un máximo de 6.000 euros.
2. Liña 2 Axudas reforzo COVID-19:
2.1. As axudas destinadas ao reforzo COVID-19 terán un importe de 1.000 euros por persoa solicitante e 400 euros por cada un dos restantes membros da unidade familiar.
2.2. A contía límite da axuda reforzo COVID-19 concedida será ata un máximo de 3.000 euros.
3. Soamente se poderá presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria e por un único membro da unidade familiar. No caso de que a persoa solicitante ou outro membro da unidade familiar presentase outra solicitude de axuda, entenderase como válida a presentada no primeiro lugar segundo o asento de rexistro correspondente.
En todo caso, as axudas da liña 1 e 2 son incompatibles entre si.
4. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra que poida percibir a persoa solicitante para o mesmo fin concedidas por calquera Administración pública.

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2021, inclusive.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210217/AnuncioG0595-030221-0001_gl.pdf