Axencia Turismo de Galicia
RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de
subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento TU403A).
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos subvencionables os derivados daqueles programas ou actividades que promovan o intercambio e a difusión de saberes mediante a organización de congresos, seminarios, convencións ou calquera outro evento relativo a calquera área de coñecemento que se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. En calquera caso, para os efectos previstos nestas bases, son gastos subvencionables os que respondan á natureza e obxecto da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de abril de 2021 ata o 31 de outubro de 2022, en concreto terán a consideración de gastos subvencionables:
– Gastos de secretaría técnica do evento: coordinación do evento, convocatoria e rexistro de asistentes, protocolo.
– Gastos directos dos conferenciantes, tales como viaxes, axudas de custo, manutención, aloxamento e transporte interno.
– Gastos de sede e equipamento como: alugamentos de locais, salóns, carpas e similares; sede de congresistas e relatores; iluminación, megafonía e servizos audiovisuais; rotulación exterior e interior do evento, paneis e carteis indicativos.
– Gastos de persoal ao servizo do evento como: servizo de azafatas, tradución simultánea, presentadores/condutores para o evento, contratacións artísticas, guías turísticos ou similares.
– Gastos de produción e comunicación como: imaxe e creatividade do evento e as súas adaptacións, web do evento, plataformas dixitais ou virtuais para a súa difusión e/ou emisión, apps específicas para o evento, material promocional en calquera soporte, publicidade, memorias e similares.
– Servizos operativos propios do evento: traslados asistentes, almorzos de traballo...
Calquera outro gasto relativo ás actividades e servizos incluídos no programa do evento: as actividades complementarias, así como os servizos de protocolo e atención aos participantes (programa social, cóctel benvida, cea de gala ou similares) non poderá supoñer un gasto maior do 15 % do total do orzamento subvencionable. Porén, non resultarán subvencionables os agasallos ou obsequios aos participantes nin aos conferenciantes.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as seguintes entidades:
a) As universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros,
institutos, departamentos, seccións u outras unidades de investigación.
b) As sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia, agás as entidades locais.
c) As empresas ou sociedades privadas que organicen especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións, incentivos, etc.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210217/AnuncioG0256-040221-0001_gl.pdf