XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN VINCULADA AOS PROGRAMAS DE EMPREGO DIRIXIDOS A PERSOAS MOZAS INSCRITAS EN GARANTÍA XUVENIL (FONDOS EUROPEOS)

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 3 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación vinculada aos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 para persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo FSE, programa operativo de emprego xuvenil, e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento TR349L).

Poderán ser persoas e entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nos artigos 5, 6 e 7 desta orde. Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego, e as empresas de inserción laboral excepto para realizar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.

Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da selección e da contratación:

a) Que teñan feitos os 18 anos e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Que remataran a fase de formación e aprendizaxe co resultado de aptas nos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 polas que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do SNGX (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.

d) Que estean inscritas en situación de beneficiarias no ficheiro do SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. 

Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas participantes dos programas de emprego das convocatorias dos anos 2020 e 2021, que obtivesen a cualificación de aptas na fase de formación, en ocupacións do ámbito das materias impartidas nos programas de emprego detalladas no anexo II.

2. Os contratos terán unha duración mímima de 6 meses e deberán ser a xornada completa. Se a modalidade contractual pola que se opta é de carácter temporal, e por tratarse de contratos de duración determinada que resultan necesarios para a execución de programas de carácter temporal cuxa financiación provén de fondos da Unión Europea, segundo o disposto na disposición adicional quinta do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, utilizarase a modalidade denominada «contrato de duración determinada vinculado a programas financiados con fondos europeos».

3. O período para realizar as contratacións será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 15 de novembro de 2022. 4. As contratacións deberán estar realizadas no momento de presentación da solicitude.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 15 de novembro de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221014/AnuncioG0656-031022-0001_gl.pdf