Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (códigos de procedemento VI483A e VI483B).
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión inicial (código de procedemento VI483A) e a renovación (código de procedemento VI483B) das subvencións do Programa de axudas ao alugueiro de vivenda, de conformidade co Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso a vivenda 2022-2025 (en diante, Plan 2022-2025), para facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
Poderán beneficiarse das axudas previstas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
b) Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.
d) Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras.
e) Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.
f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.
g) As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Contía e duración das axudas
1. Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50 % da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente.
2. A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.
3. Se na renda do contrato se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 50 %. Así mesmo, se no contrato se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe da vivenda como un 80 % do total da renda, cando esta inclúan vivenda e garaxe, 95 % cando se inclúan vivenda e rocho, e 75 % cando se inclúan vivenda, garaxe e rocho.
4. A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de cinco anos. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e posteriores anos deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da última renovación concedida. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no ordinal décimo cuarto.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2023 e terminará o día 5 de maio de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221214/AnuncioC3Q2-301122-0001_gl.pdf
LIGAZÓN PARA A SOLICITUDE: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=VI483A&ano=2023&numpub=1&lang=gl