Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2023 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).
Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean incluídos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser así, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).
c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases, do 18 de novembro de 2021, e conforme a disposición orzamentaria existente.
Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que lle proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade,resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que lle proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que lle proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensoria.
A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 6.000 euros por vivenda.
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Información ás persoas interesadas
En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios: a) Electrónicos, na páxina web da Xunta https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementose-servizos, ou na páxina web oficial do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230316/AnuncioC3Q2-020323-0001_gl.pdf