Consellería do Medio Rural
ORDE do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR340A).
Poderán acollerse a estas axudas os/as empresarios/as individuais ou as sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.
Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:
a) A construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor do 10 % do total dos gastos subvencionables.
b) A compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.
c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.
d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores.
Estas axudas consistirán en garantías do 80 % do risco inherente a cada préstamo formalizado destinado a financiar os proxectos de investimento, determinado conforme as condicións establecidas.
O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será de un mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde. O prazo de presentación de solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 30 de marzo de 2023.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230127/AnuncioG0426-301222-0007_gl.pdf