AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTOS EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS (FONDOS EUROPEOS)

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A)

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais de Galicia mediante o apoio á:

– Adquisición de bens de equipamento inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, co fin de mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e/ou servizos.

– Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas en aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras. Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria de axudas estará dispoñible no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas polos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia

Persoas e entidades beneficiarias

a) Microempresas e pequenas empresas situadas en zonas rurais. Para estes efectos, a definición de pequena empresa é a que resulta do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

c) Titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á:

a) Adquisición de bens de equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade: 1º. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación. 2º. Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €. 3º. Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos. 4º. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola...). 5º. Actividades de lecer, recreativas e deportivas. 6º. Artesanía e actividades artesanais. 7º. Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico. 8º. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria. 9º. Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

b) Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da correspondente convocatoria destas axudas, nos mesmos sectores e ámbitos de actividade sinalados na letra a) do número 1 deste artigo.

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioO90-301222-0003_gl.pdf