Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR342C).
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia
Dúas liñas de axudas:
1. A liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:
a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.
c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses. d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.
2. A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional, cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.
As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 29 de setembro de 2023.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230131/AnuncioG0656-100123-0006_gl.pdf