XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A TRANSFORMACIÓN DIXITAL E MODERNIZACIÓN DO SECTOR COMERCIAL E ARTESANAL

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 23 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300C).

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma, que non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea no Regulamento da Unión Europea 651/2014 (DOUE 187, do 26 de xuño de 2014), teñan un número de empregados/as igual ou inferior a vinte (20), incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e III e que esta constitúa a actividade para a que vai dirixida a subvención. No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II. No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras actividades comerciais ou servizos non subvencionables, o solicitante deberá acreditar fidedignamente que a actividade principal está incluída nas epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e III. En todo caso, a actividade principal do establecemento deberá realizarse de forma notoria e inequívoca.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes. Non poderán ser beneficiarias destas axudas: as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2 número 18 do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1)

Prazo de presentación de solicitudes: Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230228/AnuncioV0653-151222-0008_gl.pdf