XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS DO MAIOR

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:

A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.000 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.

Para os efectos desta orde, considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, adscrito á Consellería de Política Social e Xuventude, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

Cada casa do maior terá un máximo de cinco (5) prazas.

O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de cinco (5) anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.

As axudas económicas destinadas á posta en marcha das casas do maior consistirán en:

a) Axudas para gastos de investimento, que consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse aqueles gastos en que a persoa promotora da casa do maior incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

b) A axuda polo desenvolvemento das actividades do proxecto, que consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 21. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de funcionamento.

c) Adicionalmente, no caso de que as persoas promotoras da casa do maior opten por asumir o desprazamento das persoas usuarias, percibirán un máximo de dez (10) euros por persoa e día. Para estes efectos, deberán acreditar o número de usuarios deste servizo cubrindo o anexo VII

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230421/AnuncioG0657-110423-0001_gl.pdf