Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
ORDE do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).
A asignación de libros de texto correspondentes aos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de EP e a todos os cursos de ESO, que estean dispoñibles no fondo solidario do centro, efectuarase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.
Unha vez esgotados os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro docente adquirirá os libros de texto complementarios que sexan necesarios para garantir:
a) Ao alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: seis (6) libros de texto.
b) Ao alumnado con renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: catro (4) libros de texto.
c) Ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %: seis (6) libros con independencia da renda.
O importe máximo que aboará a consellería a cada centro por cada libro complementario adquirido será de: 40 € en EP e 45 € en ESO.
A contía das axudas para adquirir libros de texto será:
a) Para o alumnado de 1º e 2º de EP: 1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €. 2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €
b) Para o alumnado matriculado en EE, en centros específicos ou en unidades de EE de centros ordinarios, ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, a contía das axudas será de 300 € con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
c) Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso en que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
d) Para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a que se refire a disposición adicional segunda desta orde: Alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de EP: 1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €. 2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €. Alumnado de ESO: 1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 270 €. 2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 180 €. 3. A contía da axuda para adquirir material escolar destinado a alumnado matriculado en EP e en ESO será a seguinte: 1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 75 €. 2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60 €.
O alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario desta axuda por importe de 75 € con independencia da renda.
Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (modelo ED330B) os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.
A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2023/24, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2023/24. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.
O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de xuño de 2023 (este incluído).
PROCEMENTO DE ALTA DAS LIBRARIAS:
O prazo de presentación desta solicitude comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 21 de xuño de 2023 (ambos incluídos).
As solicitudes de alta, baixa ou modificación de datos das librarías e demais establecementos no Rexistro de Librarías para participar na tramitación das axudas para adquirir libros de texto e material escolar, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED330H (anexo VI) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230519/AnuncioG0655-100523-0001_gl.pdf