Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 5 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento TR341R).
Accións subvencionables e importe da subvención
1. Bono autónomo Concilia
I. a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso de maternidade, paternidade, adopción ou acollemento, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, cunha duración mínima de seis meses que cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior se inicien entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.
c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Sendo, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir de 6.000 €.
d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.
2. Bono autónomo Concilia II.
a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, para o coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.
b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, cunha duración mínima de seis meses que cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior se inicien entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.
c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Sendo, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir de 6.000 €.
d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.
3. Bono autónomo Concilia III.
a) Será subvencionable o 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade, ata un máximo de 3.000 €.
b) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2022 ao 29 de setembro de 2023. A contía máxima que se percibirá será o 75 % do custo do centro ou do servizo.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230522/AnuncioG0656-050523-0001_gl.pdf