IGAPE CONVOCA AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2023, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2) que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte, equipamento de oficina e o equipamento TIC básico (tal como ordenadores de escritorio, portátiles, teléfonos intelixentes, tabletas, impresoras). Non obstante, poderase autorizar excepcionalmente a adquisición de equipamento TIC que, pola súa especificidade, quede xustificado no ámbito de desenvolvemento do proxecto, cando a súa subministración sexa imprescindible para a implantación do proxecto, sen que poidan ser utilizados para outros fins distintos á devandita implantación.

b) Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico ou organizativo (para ser subvencionables debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica e consultoría directamente relacionada coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa, como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento ou calquera outros non vinculados directamente co obxecto do proxecto. Os conceptos subvencionables poderán reclasificarse de oficio atendendo á súa descrición. Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indique con claridade o resultado que se vai obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

c) Nos proxectos da modalidade do artigo 1.a), se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes, en concepto de gastos de coordinación do proxecto, ata un máximo de 1.500,00 € (excluído IVE) por cada peme beneficiaria participante no proxecto, ata un importe total máximo de 5.000,00 € por proxecto (excluído IVE). Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes. d) Nos proxectos das modalidades 1.a), 1.b).1 e 1.b).2, con importe subvencionable superior a 50.000,00 € e que sexan coordinados por un hub de innovación dixital, dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID, ata un máximo de 5.000,00 € en concepto desta coordinación.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230605/AnuncioO92-220523-0001_gl.pdf