INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO CONVOCA BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE DEREITOS DAS PERSOAS CONSUMIDORAS E SEGURIDADE DOS PRODUTOS

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO400E)

Obxecto e duración das bolsas de formación

1. As bolsas de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos teñen como obxectivo contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de consumo.

2. As bolsas que se convoquen desenvolveranse dentro do programa de traballo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

3. O programa de formación incluirá as actividades de formación relacionadas coa defensa e protección ao consumidor, a arbitraxe e a seguridade e vixilancia do mercado, levadas a cabo no ámbito de actuación dos servizos de consumo en cada provincia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Así mesmo, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia nomeará unha persoa titora responsable das actividades de formación que desenvolverá cada persoa bolseira.

5. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2023 cunha duración máxima de seis meses, contados desde a data da incorporación da persoa bolseira e ata o 31 de decembro de 2023. Non se concederán bolsas para suplir baixas ou renuncias por tempo inferior a un mes

O número de bolsas convocadas será de cinco (5), que se adxudicarán de acordo co indicado no artigo 6 destas bases.

Cada unha das 5 bolsas terá un destino e lugar de desenvolvemento distinto, en función das oficinas que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ten na nosa comunidade autónoma.

Para iso o solicitante deberá elixir unha soa oficina de destino a través do anexo V, de tal maneira que, se un solicitante presenta dúas solicitudes para dúas oficinas distintas, se terá en conta unicamente a primeira solicitude presentada.

Do mesmo xeito, se o solicitante marca varias oficinas na mesma solicitude (anexo V), desestimarase a dita solicitude.

Para iso deberá cubrir o anexo V en función das oficinas de destino seguintes:

– Oficina do IGCC na localidade da Coruña.

– Oficina do IGCC na localidade de Lugo.

– Oficina do IGCC na localidade de Ourense.

– Oficina do IGCC na localidade de Pontevedra.

– Oficina do IGCC na localidade de Vigo.

Se algunha das ditas bolsas dalgunha oficina queda vacante, poderá trasladarse a dita bolsa a outra oficina en que existan solicitudes que cumpran os requisitos exixidos.

Cada bolsa estará dotada cun importe máximo de 6.600,00 € brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.100 € brutos por mes e por bolsa ata un máximo de 6 meses.

O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230605/AnuncioG0482-250523-0003_gl.pdf