Axencia de Turismo de Galicia
RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503C).
Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por persoa solicitante
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a persoa solicitante entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2023 (en ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas) con respecto aos conceptos seguintes: 1.1. Gastos derivados da transformación dixital.
a) Instalación de novos PMS (property management system) e ERP (enterprise resource planning) e integración de PMS e ERP actuais.
b) Instalación de novos CRM (customer relationship management), tanto integrados con PMS como non integrados.
c) Instalación dun channel manager.
d) Instalación de ferramentas de visualización, consulta e análise de datos.
e) Implementación de motores de reserva.
f) Incorporación de sistemas e metodoloxías para reforzar a seguridade dos datos.
g) Utilización de tecnoloxías disruptivas na realización da actividade da empresa: blockchain, realidade virtual ou aumentada, big data e análises-explotación de datos, sensorización e comunicación entre máquinas, intelixencia artificial.
1.2. Gastos de equipamento tecnolóxico necesarios para os indicados no punto anterior. En todo caso, queda excluída a telefonía. Estes gastos de equipamento tecnolóxico asociados aos indicados no punto 1.1 non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.
1.3. Gastos de aloxamento ou servizos na nube necesarios para os gastos indicados no punto 1.1. 1.4. Gastos derivados da creación do produto e /ou comercialización do destino Galicia.
a) Desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.
b) Gastos derivados dos custos da pertenza a grupos de compra e/ou xestión do uso de ferramentas para a creación do produto turístico e/ou de comercialización do destino Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que realicen calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
c) As axencias de viaxes que se enmarquen dentro do artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro. Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioG0256-290623-0001_gl.pdf