INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS PROTEXIDAS

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuíren a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, teren a residencia legal en España.

b) Seren adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación, cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.

c) Teren subscrito con posterioridade ao 30 de setembro de 2022 un contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

d) Estaren a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Non estaren nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:

a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos. En todo caso, as axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, sen que, para estes efectos, se inclúan os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que pode recibir cada unha delas determinarase aplicando á contía da axuda que lle correspondería no suposto de ter adquirido o 100 % da vivenda a súa porcentaxe de cota adquirida.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioC3Q2-270623-0001_gl.pdf