AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN CONVOCA AXUDAS PARA A INICIATIVA FÁBRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE (FONDOS FEDER)

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, orientada a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN854A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) Empresas industriais ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, que dispoñan dun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 3.

b) Agrupacións dunha empresa ou empresas do sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, e un ou varios organismos de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), que realicen proxectos en cooperación.

c) Agrupacións entre empresas que deberán pertencer ao sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025.

Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación.

Proxectos individuais:

No caso de proxectos de I+D, poderá participar na modalidade de proxectos individuais unha peme ou unha empresa pequena de mediana capitalización-Midcap (entidades que conten con ata 499 traballadores, que non sexan pemes).

No caso de proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos, para a modalidade de participación individual, só poderá solicitar axuda unha peme.

Os organismos de investigación non poderán participar nesta modalidade.

Proxectos en cooperación:

As entidades participantes en proxectos en cooperación deberán formar unha agrupación xurídica, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Esta agrupación estará constituída por:

– No caso de proxectos de I+D:

• Empresas, pemes ou grandes. Sempre que unha empresa conte con máis de 499 traballadores, deberá cooperar cunha ou varias pemes, de acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos.

• Empresas –pemes ou grandes– e un ou varios organismos de investigación e difusión. Sempre que unha empresa conte con máis de 499 traballadores, deberá cooperar cunha ou varias pemes, segundo o disposto no dito artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/1058. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos. – No caso de proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos:

• Empresas, e é necesario que unha delas sexa unha peme.

No caso de proxectos en cooperación, as porcentaxes de participación de acordo coa tipoloxía de entidades socias da agrupación son as seguintes:

a) O orzamento global do organismo ou organismos de investigación e de difusión de coñecementos non poderá ser inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto.

b) Nos proxectos en que participen unha ou varias pemes, estas deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5 % do total dos custos subvencionables.

c) Se son proxectos de innovación organizativa ou en materia de procesos solicitados por grandes empresas, será requisito imprescindible para o seu financiamento a colaboración dun xeito efectivo (artigo 2.10 desta convocatoria) cunha ou varias pemes que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación.

A taxa de cofinanciamento do Feder é do 60 % e o 40 % restante compútase como investimento privado ou público, segundo o caso, elixible dos beneficiarios.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de outubro de 2023

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230706/AnuncioG0198-230623-0003_gl.pdf