CONVOCATORIA DAS AXUDAS BONOS TALENTO EMPRESA PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS FORMATIVOS DE CURTA DURACIÓN (FONDOS EUROPEOS)

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, dsnde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as microempresas e pequenas empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade realizará as comprobacións necesarias para garantir que as entidades beneficiarias teñen a condición de microempresa e pequena empresa, e, de ser o caso, que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria. Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro, agás as entidades do terceiro sector da acción social, de conformidade coa definición do artigo 3 desta orde. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.

Actuacións subvencionables

1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posventa, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

3. As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo ponse ao dispor a seguinte ligazón: https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bonotalento

4. Ao abeiro desta convocatoria, a entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a corenta horas, cun límite máximo diario de oito horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro desta orde non terá ningún custo para a persoa participante.

5. Estas accións formativas poderán ser executadas en modalidade presencial ou teleformación. Para os efectos desta orde, enténdese por formación presencial aquela que ten lugar nunha aula, coa presenza simultánea de alumnado e do profesorado, que transmite os mesmos coñecementos e ao mesmo tempo a un grupo de persoas. Enténdese por teleformación aquela en que as persoas participantes acomodan os seus ritmos de aprendizaxe á súa dispoñibilidade individual, para o cal contan cun profesor ou profesora que lles resolva as dúbidas que poidan ter e comprobar os seus progresos. 6. A impartición na modalidade presencial poderá realizarse en aula virtual e, nese caso, deberá empregarse o Campus Virtual de Formación para o Emprego que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon ao dispor. En todo caso, as persoas participanes deberán dispor dos medios técnicos necesarios e adecuados para poderen asistir con aproveitamento á actividade, e para estes efectos deberán dispor de micrófono e cámara web que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo da acción formativa.

O período de realización das accións formativas subvencionables comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de novembro de 2023, para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2023. Para as accións for‑ mativas que se desenvolvan entre 2023 e 2024, ou exclusivamente en 2024, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2024. Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presenta‑ ción da solicitude de axuda.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023, ou ata que se produza o esgota‑ mento do crédito asignado a esta convocatoria.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230720/AnuncioG0656-060723-0001_gl.pdf