CONVOCAN AXUDAS DE APOIO Á ETAPA DE FORMACIÓN POSDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES GALEGAS

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 6 de xullo de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, de apoio á etapa de formación posdoutoral, e procede á súa convocatoria (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutora ou doutor que cumpran, na data límite de presentación de solicitudes, as condicións que se indican a continuación:

a) Que a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2012.

b) Estar en posesión do grao de doutora ou doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018. Entenderase como data de obtención do título de doutora ou doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento. A data de obtención do título de doutora ou doutor poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2018, pero deberá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016, no caso das persoas tituladas que acrediten fidedignamente algún dos seguintes supostos:

1. Que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.

2. Que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

3. Que interrompesen a súa formación por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicasen á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

No caso das persoas candidatas que estean en posesión de máis dun título de doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

c) Non ter sido seleccionadas para algún dos seguintes programas: – Programas posdoutorais da Xunta de Galicia. – Axudas nunha convocatoria estatal das actuacións Juan de la Cierva-formación ou Juan de la Cierva-incorporación. – Axudas e/ou contratos posdoutorais que prevexan estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración. – Axudas ou contratos posdoutorais no estranxeiro que prevexan unha duración igual ou superior a dous anos.

d) Ademais, as solicitudes que presenten persoas candidatas que opten á condición de bolseiras Fulbright deben cumprir os seguintes requisitos: – A duración da estadía nos EUA será dun mínimo de 20 meses e un máximo de 24 meses de maneira continuada, tendo en conta as normas indicadas no artigo 5.1.b).5 desta orde. – Ter nacionalidade española. – Nivel de idioma inglés –falado e escrito– adecuado para completar o proxecto de investigación nos EUA. As persoas candidatas que estean en posesión dun certificado que demostre o seu nivel de inglés deberán achegalo e a Comisión Fulbright comprobará esta circunstancia na entrevista que se indica no artigo 12.6. No caso de que unha persoa candidata non demostre un nivel de inglés suficiente na entrevista, non poderá obter a condición de bolseira Fulbright, aínda que seguirá gozando da axuda de formación posdoutoral. – Non ter participado e completado unha estadía de investigación posdoutoral nos EUA cun visado J-1 na categoría de Research Scholar/Professor durante os 24 meses previos á data de incorporación ao seu centro de destino. – Non estar gozando na actualidade dun programa de investigación posdoutoral nos EUA cun visado J-1 por un período superior a seis meses.– Non ser residente, cidadán ou ter dereito á cidadanía dos Estados Unidos. Para viaxar a Estados Unidos, as persoas beneficiarias Fulbright deberán estar en posesión dun visado especial J-1, de acordo coa normativa estadounidense, e os familiares acompañantes dun visado J-2 ligado ao visado da persoa beneficiaria. A persoa beneficiaria e/ou os familiares acompañantes, unha vez completado o período da estadía financiada, comprometeranse a non fixar a súa residencia permanente nos Estados Unidos ata que transcorran dous anos. En caso contrario, deberase contar coa oportuna autorización dos dous países.

Poderanse conceder ata 49 axudas (a previsión inicial é de 40 en universidades do SUG e 9 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos, que comezarán a partir do 1 de outubro de 2023.

O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:

1. Un total de 32.000 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

2. Un complemento por cada mes de estadía de:

a) 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

b) 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás Estados Unidos e Canadá (zona 2).

c) 2.000 euros se o destino da estadía está en Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3). 3. Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en Estados Unidos para as solicitudes daquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.

4. Un complemento anual por axuda de 1.500 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación.

5. En aplicación do artigo 22.1, letra g), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, cando finalice o contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato incluirase unha axuda total de 3.160 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230720/AnuncioG0655-070723-0001_gl.pdf