Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B).
Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que teñan cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia.
1.1. Para estes efectos, se a produtora non ten o domicilio social na Comunidade Autónoma, entenderase que desenvolve a súa actividade habitual en Galicia cando máis do 50 % do IVE declarado pola empresa no exercicio económico anterior ao ano de publicación da presente convocatoria se corresponde con gastos efectuados na Comunidade Autónoma de Galicia.
1.2. Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
1.3. Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.
1.4. Ademais, a persoa solicitante deberá posuír, cando menos, a opción de compra sobre os dereitos de propiedade intelectual do concepto, tema, tratamento, guión ou biblia dos contidos que se presentan ou os dereitos de adaptación cando se trate de obras preexistentes. No caso de existir acordos de codesenvolvemento entre empresas produtoras, aceptarase unha repartición equitativa de dereitos entre estas. A posesión dos dereitos deberá ter unha duración mínima suficiente para cubrir todo o cronograma de desenvolvemento do proxecto.
1.5. A persoa solicitante deberá ter, cando menos, un acordo ou precontrato cun director e/ou guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.
Proxectos subvencionables e categorías de proxectos
A- Proxectos de longametraxe cinematográfica previstos para ter unha duración mínima de 60 minutos, de ficción, animación ou documental de carácter creativo.
B- Proxectos de series de ficción previstos para ter unha duración total mínima de 150 minutos.
C- Proxectos de series de animación previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos.
D- Proxectos de series documentais previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos.
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230809/AnuncioG1097-260723-0003_gl.pdf