XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROMOVER A PRÁCTICA PROFESIONAL E A FORMACIÓN EN COMPETENCIAS BRANDAS DAS PERSOAS MOZAS MENORES DE 30 ANOS MEDIANTE CONTRATOS FORMATIVOS, CONVOCATORIA ANO 2023

Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego.

Liñas:

Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán celebrarse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

Persoas destinatarias finais

1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:

a) Que teñan feito os 16 anos e non superen os 30 anos no momento da contratación.

b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

2. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:– Título universitario: i. Grao universitario. ii. Máster universitario. iii. Doutoramento.– Título de grao medio ou superior.– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.

b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen, para estes efectos, os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou certificado que habilita esta contratación.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 2 de outubro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230824/AnuncioG0656-090823-0001_gl.html