IGVS CONVOCA AS AXUDAS DO PLAN REHALUGA DIRIXIDAS ÁS PERSOAS PROPIETARIAS OU USUFRUCTUARIAS DAS VIVENDAS INCORPORADAS AO PROGRAMA DE MOBILIZACIÓN DE VIVENDAS PARA O ALUGAMENTO (FONDOS EUROPEOS)

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2024 pola que se procede á convocatoria das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI426C).

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea incorporada ao PMVA.

2. Que a/as actuación/s subvencionable/s se realicen no período que se sinala no ordinal quinto desta resolución de convocatoria.

3. Que a vivenda en que se realice/n a/as actuación/s subvencionable/s non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Contía das axudas

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe máximo desta axuda poida superar as seguintes cantidades, con independencia do número de actuacións que se realicen:

a) 3.000 euros, no suposto de que a vivenda estea alugada ou se vaia alugar conforme o prezo máximo de renda fixado no anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o PMVA, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

b) 5.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior, polo menos nun 10 % e ata un 15 %, ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

c) 8.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior, en máis dun 15 %, ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o día 4 de novembro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240403/AnuncioC3Q2-200324-0001_gl.pdf